A proba automobilística, que conta cun percorrido de 424 quilómetros, terá lugar os días 21 e 22 de setembro.
A sétima edición do Rallye “Ourense-Ribeira Sacra” conta con 132 participantes inscritos, que competirán pola vitoria os días 21 e 22 de setembro, na proba automobilística que percorre os concellos de Ourense, Maceda e Nogueira de Ramuín, cun total de 424 quilómetros de percorrido. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe na rúa Cruz Vermella da capital ourensá, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o tenente de alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente e Raúl Soto; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o presidente da Escudaría Luíntra, Roberto Soto; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; e o representante de Roferourense, Alberto Barreiro.
O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que se trata dunha proba “xa consolidada no calendario deportivo da nosa provincia” que demostra, unha vez máis, “a idoneidade de Ourense para acoller probas automobilísticas de primeiro nivel e que contribúe a promocionar, así mesmo, unha das zonas naturais e paisaxísticas de maior beleza da nosa provincia, como é a Ribeira Sacra”.
Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que neste tipo de eventos prodúcese “unha simbiose perfecta entre deporte e turismo, que garante o éxito desta proba que chega xa a súa sétima edición”. O percorrido deste ano é de 424 quilómetros, dos cales 84 quilómetros corresponden a nove treitos cronometrados por estradas asfaltadas que estarán pechadas ao tráfico.
O parque pechado e o parque de traballo situaranse en Luintra, o primeiro estará no parque empresarial e o segundo desprazarase ás inmediacións do polideportivo. As oficinas do Rallye e a Dirección de Carreira estarán ubicadas no edificio Multiusos de Luintra.
En canto ao desenvolvemento da proba, o venres, 21 de setembro ás 20.00 horas, será o treito Castro de Beiro cun percorrido de 5,12 quilómetros. Ao día seguinte, será a quenda para os treitos Maceda – Baldrei (11,64 quilómetros), San Miguel – Luintra (10 quilómetros), Caxide – Cerreda (7,70 quilómetros) e Vilanova – Luintra (10,37 quilómetros).