11 quilómetros solidarios para a investigación do cancro de páncreas

Co evento deportivo “Carreira das cidades” que terá lugar o día 25 de novembro, en Vilamartín de Valdeorras.

Chega a Galicia o evento deportivo “Carreira das cidades” contra o cancro de páncreas que ofrecerá aos participantes unha andaina e unha carreira de 11 quilómetros de percorrido, para dar visibilidade a esta enfermidade e conseguir fondos para financiar a súa investigación. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a gastroenteróloga e responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense, María Francisco; e a asociada de ACANPAN (Asociación Cáncer de Páncreas), Belén Gómez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de desenvolver no noso territorio eventos que aglutinen “deporte, saúde e solidariedade”, que contribúen a “fomentar a práctica deportiva entre os nosos veciños e tamén a dar visibilidade e recadar doazóns para a investigación do cancro de páncreas”.

Trátase dunha proba que xa se ten levado a cabo noutras cidades como Las Rozas, Alacante, Terrassa, Roma ou Milán, e que o día 25 de novembro chegará a Vilamartín de Valdeorras, sendo a primeira vez que se disputa en Galicia.

A saída da andaina será ás 10.30 horas e a da carreira será ás 11.30 horas, ambas desde o Colexio Público Xosé Manuel Folla Respino en Valdegodos. Os interesados en participar poderán inscribirse, ata o día 22 de novembro, por un custe de 10 euros para os adultos e de 5 euros para a inscrición infantil, e “todo o diñeiro que se recade irá destinado ao 100% para as becas de investigación de cancro de páncreas”, explicou Belén Gómez. As inscricións poden realizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com; ou presencialmente en diferentes establecementos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Rubiá e A Pobra de Trives, incluso o mesmo día da proba.

Asemade, todas aquelas persoas que non participen na proba poden colaborar con esta causa a través do Dorsal 0 en www.carreirasgalegas.com, ou directamente coa Asociación Cáncer de Páncreas a través da súa Fila 0.

En canto aos datos desta enfermidade, a gastroenteróloga destacou que se trata da “terceira causa de morte por cancro, e que se aprecia, a nivel nacional, un lixeiro incremento a diferenza doutros cancros, polo que se espera que no ano 2030 sexa a segunda causa de morte por cancro. Isto quere dicir que é un cancro agresivo, que diagnosticamos en estadios avanzados e que, por tanto, temos que buscar melloras tanto en diagnóstico precoz, como nos tratamentos que temos hoxe en día”.

A realidade actual do panorama europeo é que “hai pouca investigación destinada unicamente a mellorar a situación deste cancro, por elo, desde hai tres anos, a Asociación Española de Pancreatología comeza con esta iniciativa das carreiras contra  o cancro de páncreas. Comeza en Alacante e estendeuse por diferentes municipios de España e, a través desta iniciativa, conseguimos situarnos no mapa e poñer o noso grao de area a esta causa”, explicou María Francisco.