Menú
Pechar

Xogade Xunta Logo H

Xogade

A campaña de actividade lúdico deportiva XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma, dáselle así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva da Xunta de Galicia: fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás.

O programa XOGADE combina o programa deportivo e competitivo (escolar e federado) cun programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia. Este é o primeiro paso da Secretaría Xeral cara a un deporte humanista, educativo e saudable.

Apóstase por un modelo deportivo orientado á participación, que se axusta ao modelo de deporte promulgado dende o Consello de Europa a través da Carta Europea do Deporte.

O obxectivo primordial desta nova concepción do deporte será a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurar que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación.

A Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, convoca o programa XOGADE no comezo de cada curso escolar cunha duración de setembro a xuño.

Este programa vai dirixido a todos os escolares galegos, polo que poderán inscribirse se o desexan, os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

OBXETIVOS DO PROGRAMA XOGADE

  1. Incrementar a participación en actividades físico-deportivas en horario non lectivo das poboacións escolares, con especial incidencia no colectivo de nenas.
  2. Beneficiarse do gran potencial educativo e formativo das actividades físico-deportivas e que prime a participación por riba da competitividade.
  3. Impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte.
  4. Manter ou mellorar o estado de saúde a través da adquisición de hábitos de vida activos e saudables.
  5. Permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos, o desenvolvemento das diferentes calidades físicas, así como a transmisión de hábitos, actitudes e valores como a tolerancia, o respecto aos demais e ás regras, o esforzo de superación, a cooperación, a confianza, entre outros.
  6. Potenciar o xogo limpo e a deportividade.
  7. Potenciar os xogos motores como instrumento base da educación.
  8. Introducir os/as nenos/nenas en diferentes disciplinas deportivas mediante actividades lúdicas de carácter global.
  9. Facilitar a comunicación e a convivencia dos nenos/as independentemente do nivel de práctica de cada un deles.
  10. Fomentar a práctica de actividade física como hábito saudable necesario na sociedade actual.
  11. Posibilitar que os nenos e nenas se divirtan realizando actividade física.
  12. Acercamento aos escolares galegos das estruturas deportivas con actividade na súa localidade.
  13. Fomentar os xogos tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia así como aqueles que aínda non sendo de orixe galega, foron e son, popularmente, empregados na nosa sociedade.
  14. Promover a educación en valores a través do gran potencial educativo do que dispón o deporte.

ACTIVIDADES DO PROGRAMA XOGADE

  1. Actividade deportiva escolar: programa de actividades con máis de 20 modalidades deportivas diferentes.
  2. Actividade deportiva federada:  programa de actividades que incluen as modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol sala, judo, loita olímpica, natación, natación sincronizada, patinaxe artístico, taekwondo, triatlón, voleibol e ximnasia rítmica.
  3. Actividade lúdica: Xornadas de iniciación no centro escolar en horario lectivo de diferentes modalidades deportivas entre as que pódense atopar, esgrima, espeleoloxía, colombofilia, tríatlon e outras que en moitos casos suporán o primeiro contacto do alumno con estas prácticas.
  4. Coñece o meu club: Con este programa preténdese facilitarlles aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa poboación, ofrecerlles así unha alternativa de ocupación para o seu tempo libre, e fomentar a práctica da actividade física entre a nosa poboación escolar. E poñer así en mans dos nosos alumnos e alumnas a maior cantidade de recursos posibles, que lles axuden na consecución de hábitos cada vez máis activos e saudables.
  5. Xogos populares: Exposición itinerante en centros educativos con material didáctico de xogo (Expositores para colocar no centro escolar, Baúl de xogos e Unidades didácticas)
  6. Educación, deporte e valores: Exposición itinerante polos centros educativos. Con este material preténdese axudar ao profesorado a divulgar entre o colectivo escolar o fomento dos valores proporcionados a través da práctica deportiva. Está dirixido a todo o colectivo escolar.
  7. Móvete+:  “Móvete+” é unha nova actividade do programa Xogade dirixida a tódolos escolares de Galicia. Trátase de promover a actividade física a través dunha acción de carácter lúdico, transversal, divertida e ao mesmo tempo sumar mais cantidade de exercicio físico para achegarnos ao que recomenda a Organización Mundial da Saúde.
    Baseado nunha composición musical e coreográfica orixinal, “Móvete+” é o novo himno do Plan Galicia Saudable (http://galiciasaudable.xunta.es.) que ten como obxectivo difundir entre a comunidade educativa e, por extensión, á sociedade galega, os principais valores do Plan Galicia Saudable.
  8. Xogando co vento: Esta actividade nace para dar cabida a un conxunto de proxectos que se veñen desenvolvendo en diferentes puntos da nosa xeografía coa finalidade de acercar aos escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como é o MAR.

O denominador común destes proxectos será o emprego do mar, do vento e da vela como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas, contidos transversais entre diferentes áreas sen deixar de promover e fomentar a actividade física na súa vida cotiá.

SEGURO FEDERADO DE 6 A 16 ANOS

A Xunta de Galicia proporciona un seguro deportivo gratuíto para todos os federados de 6 a 16 anos. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente, o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

Fonte: Xunta de Galicia – Secretaría Xeral para o Deporte

Servizos Provinciais de Deportes de Ourense
Coordinador do Deporte Escolar Ourense
Avenida de La Habana, 79 – 4º
32004 Ourense
 988 386 050
988 386 051
deportes.ourense@xunta.es
http://xogade.xunta.gal
http://www.deporteescolargalego.com