A Xunta de Goberno destina preto de 400.000 euros en axudas para deporte, medio ambiente e infraestruturas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou 377.899 euros en axudas para asociacións e concellos da provincia de Ourense destinadas aos ámbitos de medio ambiente, deporte e infraestruturas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 16 de decembro.

A Xunta de Goberno aprobou cinco axudas que ascenden aos 41.000 euros para asociacións da provincia de Ourense. Unha das axudas aprobadas por importe de 1.500 euros para gastos de funcionamento do ano 2016 da Asociación Local de Pensionistas, Xubilados e Prexubilados Spes-La Esperanza, outra das axudas foi para a Asociación de Veciños de Palmés, de 1.500 euros para o equipamento de velorio. Nesa mesma liña, aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Golpellás de Paderne, destinada ao acondicionamento dun velorio en Golpellás. Para a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Verín, aprobou unha axuda de 26.000 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao 2016. Por último, en materia de deporte, unha axuda de 2.000 euros para a Escudaría Celanova Motor, para a subida ao Furriolo correspondente ao 2015.

No relativo á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou, en materia de infraestruturas, unha axuda de 20.500 euros para o Concello de Oímbra para o anteproxecto de ampliación e mellora das dependencias da Casa Consistorial,  para o Concello de Esgos, 50.000 euros destinados á Redacción do Plan Especial de Infraestrutura e Dotacións para o cambio de uso dos terreos e a súa adquisición para un novo velorio municipal. Outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Riós por importe de 22.446 euros destinada á adaptación de velorios en A Eirexa, A Chaira, Cortegada e San Pedro de Trasverea e, para o Concello de Trasmiras, unha axuda de 15.000 euros, tamén destinada á adaptación de velorios en Vilaseca, Abavides e Vilardelebres.

Neste mesmo apartado, aprobou unha axuda para o Concello de Leiro por importe de 20.000 euros para a reparación de vías municipais, concretamente, para a construción de tres muros de contención na estrada OU-0306 no entorno de Paredes.Sa. Unha axuda para o Concello de Nogueira de Ramuín de 6.000 euros para a sinalización informativa nas interseccións que conducen a sete poboacións do municipio. Para o Concello de Riós aprobou unha axuda de 13.553 euros para obras de acondicionamento de camiños nos núcleos rurais da Trepa e San Cristovo e, para o Concello de Pontedeva, unha axuda de 22.000 euros para a mellora da vía de acceso ao Polígono de Trado. Por último, unha axuda de 3.700 euros para o Concello de Vilar de Santos destinada á mellora da vía de conexión do Polígono Santa Marta coa estrada provincial OU-1114.

No ámbito deportivo, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello de Bande de 50.000 euros para a creación, reparación e equipamento de infraestruturas deportivas e, para o Concello da Veiga, 25.000 euros destinados a equipamentos deportivos. Para este último municipio, a Xunta de Goberno aprobou outra axuda de 25.000 euros para actividades turísticas.

No relativo a área de medio ambiente, na reunión aprobáronse dúas axudas para o Concello de Larouco, unha delas de  30.000 euros para o arranxo de saneamento do pobo de Larouco, e outra de 13.700 euros para a ampliación do abastecemento de auga no municipio. Outra das axudas aprobadas nesta materia foi para o Concello de Porqueira de 20.000 euros para o depósito de auga en Toxal.