A Xunta de Goberno da Deputación aproba unha axuda de 216.000 euros ao Club Ourense Baloncesto

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou unha axuda de 216.000 euros ao Club Ourense Baloncesto destinada a gastos de funcionamento e mantemento do club, co fin de fomentar o deporte na provincia. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 20 de xaneiro.

Nese senso, Montserrat Lama destacou o compromiso do goberno provincial co COB, “o cal vimos de expresar con feitos e realidades, tanto no ámbito económico, como é o caso de hoxe, como na ampliación da cesión para a utilización do Pazo dos Deportes Paco Paz ou os investimentos para a modernización e novo equipamento das instalacións”, e engadiu, “apoiar ao COB é apoiar á provincia de Ourense, aos afeccionados e aos deportistas, potenciando ao mesmo tempo a marca Ourense e ao noso territorio”.

No ámbito cultural, a Xunta de Goberno aprobou a fixación de prezos de venda ao pública de oito publicacións que editará a Deputación de Ourense. Trátase das seguintes obras: Retrato de grupo con figura ausente. Edición y análisis de la correspondencia entre José Ángel Valente y los poetas españoles de su edad, por un prezo de 10 euros por libro; Apuntes históricos de Cortegada de Baños, por importe de 9 euros; Aqua, divi, urbs (agua, dioses, ciudad): excavaciones arqueológicas en As Burgas, por 12 euros; Cemiterios esquecidos: o fenómeno tumular na comarca do Arenteiro, 25 euros por libro;Arqueoloxía do viño. Os lagares rupestres da comarca de Monterrei, por 9 euros; Los perdedores. La represión política en Galicia en el siglo XIX, 10 euros cada exemplar; El señorío de Lobás en la Edad Moderna, 12 euros por libro; O farmacéutico e deputado de Cortegada José Ojea, por un prezo de 10 euros por libro.

Por último, na xuntanza aprobouse a expropiación forzosa no Concello da Teixeira dos terreos afectados pola execución da obra de “acondicionamento e mellora integral na OU-0606 Valilongo-A Teixeira”, estrada que une a localidade de Valilongo coa capitalidade do municipio.