180 arqueiros de toda Galicia compiten en Taboadela no campionato galego de tiro con arco

A Deputación colabora con este evento, unha disciplina deportiva en alza, que conta na provincia de Ourense con máis de 500 licencias federativas.

O pavillón de deportes de Taboadela acolle a vindeira fin de semana o campionato galego de tiro con arco  -valedoiro para o campionato de España de Sala-, unha proba na que se darán cita 180 arqueiros de toda Galicia e que contará tamén cos arqueiros olímpicos españois Mikel Alvariño e Guillermo Rodríguez. A presentación do evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; dos alcaldes de Taboadela e da Teixeira, Manuel Gallego e Miguel Cid; do concelleiro de Taboadela José Antonio Paz; dos arqueiros Jorge Cadavid e Claus Seara, e do presidente do Club Lumelar, Juan Ramón González.

Manuel Baltar destacou a importancia de “promover e potenciar a práctica de todo tipo de deportes, ben sexan en equipo ou individuais, algo que a Deputación de Ourense apoia, e sinaladamente neste evento deportivo, que converterá durante dous días a Ourense no centro do tiro con arco de Galicia”. Baltar felicitou ao alcalde de Taboadela por acoller no seu municipio este campionato, “un deporte milenario, quizais a disciplina relacionada co deporte máis antiga, con 50.000 anos de historia, que forma parte do programa de deportes olímpicos desde os Xogos Olímpicos de París, de 1900, e que esta fin de semana terá a Taboadela como escenario das diferentes especialidades competitivas deste deporte no ámbito autonómico, coa presenza dos mellores arqueiros galegos”.

A Deputación de Ourense colabora con este evento, unha disciplina deportiva en alza, que conta na provincia de Ourense con máis de 500 licencias federativas, dun total de 3.000 en toda Galicia, un deporte no que os nenos poden iniciarse a partir dos sete anos.

O alcalde de Taboadela agradeceu “o apoio da Deputación de Ourense e o traballo que vén realizando o Club Lumelar, actualmente subcampión galego por equipos, na promoción do tiro con arco na nosa provincia”, mentres que Juan Ramón González explicou o desenvolvemento das probas, que se iniciarán o sábado 14 de xaneiro, ás 9.00 horas, coas competicións de Arco Recurvo e Arco Composto, nas categorías infantil, alevín, benxamín e esquío. Pola tarde, ás 15.00 horas, disputaranse as probas de Arco Espido e Arco Tradicional, e o domingo, ás 9.00 horas, as probas de Arco Recurvo e Composto e Arco Adaptado, nas categorías de cadete, junior, senior e veterano, especialidade esta última na que o actual campión galego é o alcalde da Teixeira, Miguel Cid.